Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 27 de abril de 2025

Universo Cantigas

 

Acaba de publicarse Universo Cantigas I. Cantigas de Amor, unha obra que recolle a edición das 704 cantigas de amor galego-portuguesas transmitidas polos cancioneiros medievais. O  texto crítico de cada cantiga vai acompañado dunha paráfrase en galego actual, ademais da indicación das fontes manuscritas, das edicións anteriores existentes e dun código QR que liga cada poema coa súa edición dixital completa na web Universo Cantigas. En datas próximas, sairá o segundo volume, coas Cantigas de Amigo.

A obra é froito dun intenso labor de investigación filolóxica iniciado en 2010, que ten por obxectivo fixar un texto crítico das 1680 cantigas galego-portuguesas que se conservan na actualidade. O financiamento ministerial dos sucesivos proxectos permitiu a creación dunha plataforma dixital, Universo Cantigas,  de acceso libre na que se pode consultar a edición completa de cada composición.



venres, 25 de abril de 2025

Un país coa súa lingua. Sanidade, ciencia e servizos sociais

 

 Nova xornada sobre a normalización lingüística organizada polo Consello da Cultura.

A utilización do idioma galego é esencial para a prestación dunha atención sanitaria e social de calidade. Esta mesa centrarase en propoñer accións para garantir a súa presenza na sanidade, nos servizos sociais e na investigación científica. Ademais, promoverase a busca de solucións para mellorar a atención na lingua propia, aumentar os materiais e recursos dispoñibles e favorecer a formación do persoal sanitario e asistencial. Tamén se formularán propostas para fortalecer o uso do galego na divulgación e na produción científica, co obxectivo fundamental de obter medidas concretas que aseguren o galego como lingua de comunicación nos ámbitos da saúde e da ciencia.

sábado, 12 de abril de 2025

Escoller a boneca galegofalante


 por Bieito Lobeira no Nós Diario:

A "proba da boneca Clark" foi unha célebre investigación social realizada nos Estados Unidos con crianzas pretas de entre 6 e 9 anos. Este estudo, para min arrepiante e ao tempo revelador, amosa basicamente como xa con idades moi curtas as cativas interiorizan con naturalidade os peores prexuízos, o racismo estrutural, a autopercepción de inferioridade, ou o que aquí chamariamos autoodio. As gravacións desas entrevistas seguen a impactar. Neniñas pretas que, perante dúas bonecas (unha branca e outra preta), responden ás preguntas formuladas optando de xeito sistemático por consideraren que a boneca "boa" é a branca. A "bonita" é a branca. A "intelixente" é a branca. Coa que lles gustaría xogar, e sempre a branca. E á pregunta de a quen lles gustaría parecerse, claramente optaban pola branca. Moitas das nenas mesmo dicían que elas tiñan un ton de pel máis branco, que as asemellaba a esas bonecas. Remataban a proba atribuíndo á tonalidade preta da pel das bonecas, e á súa propia, os atributos de "malo" e "feo".

venres, 4 de abril de 2025

O Deportivo é da Coruña, de onde senón?

 O Equipo de Normalización do IES Rafael Dieste (A Coruña) volveu petar redes e medios coa súa nova campaña, O Dépor é da Coruña. Os argumentos, sobran. Con todo insisten:

Riazor é máis que unha praia de auga branquiazul. Nos días de xogo, milleiros de persoas fan medrar arredor desta casa o corazón da cidade. A Coruña orgúllase do seu club.

Desde 1906 o Dépor viu medrar a Real Academia, as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, o pulo editorial de Lar e Nós, a reivindicación do Estatuto ou a Lei de Normalización.

Outros clubs deportivos máis mozos restituiron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade. É imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña.

A campaña vai acompañada cunha listaxe de sinaturas formada por afecionados e ex-xogadores do club, profesionais,  políticos, membros de destacadas asociacións culturais.

Xa hai tempo que os directivos do club de fútbol quedaron co cú ao aire. Agora, con todo isto diante dos fuciños, cada segundo que pasa continuado co atentado á toponimia da cidade é un insulto a todos e cada un dos galegos.

mércores, 2 de abril de 2025

Comunicado sobre as ordes de axudas á tradución de 2025

 


A Asocición Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación emitiu este comunicado:

A AGPTI manifesta a súa decepción coas novas ordes para a concesión de axudas á tradución de obras literarias. Malia incorporaren cambios significativos reclamados polas asociacións do sector, recuncan en erros xa advertidos e sinalados no pasado e desatinan no enfoque necesario para que as axudas sexan coherentes e útiles para a realidade do sector.

 

luns, 31 de marzo de 2025

Regular a planificación lingüística galega: unha tarefa necesaria e inaprazable


 por Carlos Amoedo no Praza Pública:

Con algunhas engádegas, o presente artigo recolle a intervención do autor na Mesa Administración, Xustiza e Servizos Públicos, do Foro Participativo Un País coa súa lingua, organizado o 20 de marzo polo Consello da Cultura Galega. Agradezo ás coordenadoras desta mesa, as doutoras Dolores Vilavedra e Alba Nogueira, o convite a falar sobre a situación do galego no ámbito da Administración Pública; e a todas as participantes, o seu estimulante debate. 

venres, 21 de marzo de 2025

Manual de instrucións


 por Xabier Queipo no Nós Diario:

Comezarei por unha autocrítica, non estou certo se xusta ou inxusta, mais en calquera caso avaliación da conduta persoal, que considero cuestionábel. Descoñezo a autoridade moral que atesouro para falar de lingua, cando na miña instrución superior só se inclúen materias científicas, que me proporcionaron os meus títulos universitarios e a miña xa dilatada carreira profesional. Certo é que dende que caín do cabalo hai xa unha morea de anos, cultivei de xeito reiterado a lingua dos meus antepasados, que, no camiño, alguén se ocupara de traizoar. Mais non tendo formación en filoloxía nin en sociolingüística, a miña opinión é exclusivamente a dun usuario. Outros teñen o mandato ético de aportar razóns para "salvar" a lingua galega dun naufraxio intuído por ausencia de mantemento, abandono da tripulación e neglixencia do capitán.

mércores, 12 de marzo de 2025

Segunda etapa de Longalingua

Entre os anos 2006 e 2010 A Mesa publicou unha revista, Longalingua. Hoxe recupera esta iniciativa pero agora faino mediante o formato dixital. A primeira publicación desta nova etapa conta cun artigo de Mª Pilar García Negro, Chea de futuro,  xunto cunha entrevista á mesma autora. Os contidos divulgaranse en plataformas como YouTube e Spotify. Desde este blogue tamén seguiremos a traxectoria desta publicación.

luns, 3 de marzo de 2025

Que diría Iribarne?


 por Daniel Chapela no Nós Diario:

Milleiros de sorrisos conectáronse este domingo durante varias horas na capital de Galicia. Ollares que reflectían esperanza, ganas de mudar as cousas. A necesidade de nos involucrar como sociedade nunha das tarefas colectivas máis relevantes para este século. Baixo a ollada atenta do apóstolo Santiago, o orgullo pola nosa lingua impregnou a praza do Obradoiro e todos os recunchos da zona vella baixo un mesmo lema: lingua vital xa!

O galego (tamén) é política


 por Xoán Antón Pérez Lema no Nós Diario:

Afirmarmos no galego como lingua propia, vital e útil, como este domingo 23-F fixeron ducias de milleiros claro que é facermos política. Outra cousa é que non sexa –nin haxa de ser– política partidista. Porque ocupar o espazo público e investir o tempo de lecer nun exercicio cidadán para nos afirmar no uso público da lingua de noso é un acto substancialmente político.

domingo, 2 de marzo de 2025

Os discursos negacionistas da lingua galega


 por Goretti Sanmartín en Mundiario:

Milleiros de persoas ateigaron o 23 de febreiro as rúas de Compostela. Xente de todas as idades e procedencias, moita xente nova e multitude de crianzas acudiron á cita da Plataforma Queremos Galego para reivindicar o dereito ao uso do noso idioma. Fronte a esa marea humana de persoas conscientes da situación de emerxencia lingüística por que pasamos, sitúanse os negacionistas, as persoas que xulgan que todo vai ben, que segue os pasos programados.

A nobre causa


por Bieito  Lobeira en Nós Diario:

Non sei cal é a razón pola que hai días do ano normaliños, deses que están aí, mais que pasan desapercibidos, e outros, pola contra, que enchen o calendario, danlle sentido á memoria e fan sorrir ao evocar bos momentos ou datas emblemáticas. Días sobranceiros, dos que obrigan a lembrar. Destes últimos é o 23 de febreiro.

sábado, 1 de marzo de 2025

A Compostela pola lingua


 por Marta Dacosta en Nós Diario:

 

Mentres escribo, sinto o cantar dos paxaros ao redor da casa. Ferreiriños, piscos, subeliños e papuxas altérnanse na orquestra que abre o día, mentres a campá da igrexa dá as horas. Distráenme. Porque atendo a como o seu canto cambia, ao amplo repertorio de notas, aos diferentes compases. E acabo pensando en que se estarán a dicir, que mudanza na mensaxe hai por baixo da melodía que escoito, se estes paxaros atlánticos cantarán do mesmo xeito cós seus parentes doutras latitudes e atrévome a dicir que non. Porque sei que entre outras especies animais comprobouse (despois de Castelao) que poderiamos dicir que usan diferentes linguaxes para se comunicaren. Rosalía intuíuno: "Din que non falan as plantas, nin as fontes, nin os paxaros, ... pero non é certo, pois sempre cando eu paso,/ de min murmuran e exclaman:/ -Aí vai a tola soñando".

xoves, 27 de febreiro de 2025

A Xunta quere a morte indolora do galego

 por Quique Costas no Nós Diario:

Nos últimos meses, a raíz dos datos catastróficos do IGE sobre a situación da lingua galega, saíron nos medios o conselleiro José (non Xosé) López Campos e o secretario xeral da Lingua (de cal lingua?, preguntamos agora) SXL, Valentín García, falando da necesidade dun novo Pacto pola Lingua. Moitos galegos ben-pensantes viron neste chamado ao pacto un recoñecemento tácito de que meteran a zoca, de que se pasaran de desgaleguización e non querían figurar na historia como os enterradores do galego, aínda que teimasen en que o Decreto 2010 de Glotocidio non se tocaría, o que constituía un oxímoro: quero unha cousa e tamén quero a contraria.

mércores, 26 de febreiro de 2025

Rosalía; caravel cosido con raio de sol

Un ano máis o Concello da Estrada homenaxea a Rosalía de Castro cun videoclip. Nesta ocasión veremos como Cayetano Lledó vai elaborando o retrato da escritora mentres escoitamos na voz de Sheila carbia unha fermosa elexía de Fedrico García Lorca escrita o 29 de marzo do 1919 e traducida por José Lueiro e Carlos Loureiro. Outra vez o autor do vído foi Lucas Terceiro. Un novo acerto do concello no recoñecemento da nosa lingua por medio da lembranza da matriarca das nosas letras.